A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos celebra o seu centenario

1 minutes read

Desde os seus inicios, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos desempeña un rol fundamental na transmisión e conservación da cultura tradicional galega. Agora celebrarase este século de compromiso cunha xornada no Auditorio de Galicia que busca render homenaxe á agrupación instrumental, de coro, de baile e de pandeireta composta na actualidade por máis de 80 persoas.

A cita será no Auditorio de Galicia o vindeiro 30 de outubro ás 16,30 horas da tarde e incluirá un obradoiro de baile e outro de pandeireta, unha charla sobre o traxe tradicional galego e as actuacións do coro e instrumental de Cantigas e Agarimos, OCT Ultreia e as pandeireteiras de Brincadeira. Os asistentes á xornada poderán gozar tamén dunha exposición fotográfica sobre a agrupación ou presenciar a creación en vivo dun mural conmemorativo. As entradas serán de balde e xa se poden reservar, ata o venres 29 ás 12,30 h, no web de Entradium ou desde as ligazóns habilitadas nas redes sociais do evento.