Será a primeira mobilización conxunta dos cadros de persoal das industrias galegas que máis enerxía consomen. Na protesta participarán os traballadores das plantas de Alcoa da Coruña e de San Cibrao, os de Ferrotlántica das plantas de Sabón, Cee e Dumbría e os de Celsa Atlántic da Laracha. Piden que se aprobe de inmediato o estatuto das electrointensivas, que fixe unha tarifa europea para electricidade, un prezo estable que lles permita, din, competir en igualdade.
Santiago Paz, presidente do comité de empresa de Ferroatlántica: “Unha poxa de seis meses non garante nada. Parece que estamos todos esperando a ver que nos pode pasar en seis meses. Non che garante que poidas traballar, e de feito estamos esperando se poderemos traballar, agora mesmo temos 100 homes na casa”.
Xosé Paleo Presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao: “Queremos traballar. Representamos traballadores que non piden subvencións. Pedimos que nos permitan competir en pé de igualdade con outros países europeos”.
O Goberno central asegura que está traballando no estatuto das electrointensivas, que espera ter listo “en breve”, pero non fixa data para a súa aprobación.