A Aceleradora galega de proxectos turísticos da Xunta de Galicia abre oficialmente o prazo de inscrición da súa segunda edición, que se desenvolverá ao longo deste ano coincidindo coa segunda anualidade do período extraordinario Xacobeo 21-22. O Goberno galego redobra así a súa a aposta pola retención e captación de talento innovador na procura de solucións que reforcen e melloren o sector turístico galego e que supoñan propostas de alto impacto na sociedade.
Desde agora e ata o vindeiro 22 de marzo, calquera emprendedor ou emprendedora e as startups de ata 2 anos de actividade previa á súa entrada na Aceleradora poderán presentar a súa candidatura a través do formulario habilitado na páxina web oficial (www.turislab.gal), onde tamén poderán consultar as bases da nova convocatoria. O equipo de selección avaliará cada proposta presentada analizando as claves de cada un dos proxectos, a súa viabilidade e a potencialidade nos mercados e tan só dez proxectos serán acelerados para o seu lanzamento ao mercado.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor esta nova oportunidade de facer realidade proxectos turísticos que permitan ao sector avanzar na innovación e na creación de novas empresas e produtos turísticos que respondan ás novas necesidades dos viaxeiros. Castro destacou, neste sentido, que a Aceleradora de proxectos turísticos reforza este ano o seu o seu comité asesor, de selección e de profesorado, incluíndo expertos e profesionais que mentorizarán cada proxecto.