Vitoria de Obradoiro por 81 a76 ante Baskonia, en partido disputado o pasado domingo ás 20 horas no compostelán pavillón Multiusos Fontes do Sar. Respira Obradoiro tras a vitoria lograda ante un equipo de Euroliga que viña en refacho, tras vencer en liga ao Real Madrid e os seus dous últimos e seguidos compromisos na máxima competición continental.
Comezaba o encontro coas defensas impoñéndose no xogo. Dominaba Baskonia polo control inicial do rebote. Primeiras vantaxes de 3-5 tras canastra do mellor visitante, Baldwin (20 puntos, 8 rebotes, 4 asistencias e 20 de valoración). A pesar diso, Obradoiro aproveitábase dos numerosos erros visitantes, 4/15 en tiros de 2 e 0/5 en triplos, e empezaba a imprimir velocidade ao xogo, 14-11 minuto 8. Ademais, o MVP Beliauskas (22 puntos, 3 rebotes, 1 asistencias, para asinar 22 unidades de valoración) comezaba o seu particular show, 17-14 tras triplo na cara do seu outrora compañeiro a ex Obra, Steven Enoch, a 24 segundos para pechar o cuarto.
Acabaría asinando 6 de 8 intentos. Arrincaba o segundo cuarto con 17-16 no luminoso. Granger anotaba un triplo inverosímil, tras rozar a perdida de balón e lanzar unha mandarina in extremis ao límite da posesión, 17-21 para os da capital arabesa. A partir de aquí, empezou a funcionar a conexión lituana da maquinaria santiaguesa. Triplos de Beliauskas e un mate de Birutis (12 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e 13 de valoración), tras magnífica asistencia de Hobbs, poñen o marcador en 27-21 para os de Moncho Fernández, no minuto 6 do segundo cuarto. Reacción dos vitorianos que cun parcial de 2-9, tras a segunda canastra apadriñada pola sorte con maiúsculas, póñense por diante. 29-30 mercé ao triplo de Giedraitis (13 puntos, 6 rebotes, 4 asistencias e 13 de valoración), quen é capaz de anotar ao límite da posesión, tras chegarlle o balón despois dun rebote en ataque apuradísimo que capturan tras un triplo que non toca nin aro, faltando 47 segundos para enfilar o túnel de vestiarios.
Tras o descanso, comeza Birutis a retomar o seu bo xogo, machucando o aro vitoriano e poñendo o 35-30 no electrónico. Mate de Enoch (12 puntos, 2 rebotes e 12 de valoración) para poñer o partido en tan só 2 puntos de diferenza, 53-51 no minuto 7:15. Os triplos sostiñan a Obradoiro pero Kurucs minimizaba ao máximo a vantaxe local, 55-54. Tirou de novo o equipo compostelán da clase de Birutis para esnaquizar a defensa visitante, ben anotando, ben distribuíndo xogo para os exteriores.
Entramos no último cuarto coas espadas en todo o alto. Polo lado visitante entraba en xogo Baldwin, asustando á parroquia local. Entraba con vida o Baskonia aos últimos 5 minutos, 63-63. Con todo, Obradoiro encomendouse á defensa sen fisuras e aos triplos do mago Beliauskas e Ellenson (19 puntos, 4 rebotes e 17 de valoración). Triplo do lituano para poñer o 68-63 no minuto 5:16, que se consolidaría cun parcial de 10-3, obrigando a Spahija a pedir tempo morto con 73-66, no minuto 37.
De aí ao final, simulacro de reacción que non se produciu. Intercambio de canastras e vitoria final dun necesitado Obradoiro, quen eleva a oito os seus triunfos. Xornada positiva para os galegos, que foron os únicos capaces de gañar de entre todos os equipos do pelotón da permanencia. Sinalar tamén que se produciu o debut de Philip Scrubb, irmán de Thomas, que tivo un discretísimo papel e está en espera de axuste.
Próxima estación: Unicaja Málaga, o sábado 19 de marzo ás 20:45 horas. Outra vez na casa e nun partido de vital importancia, por atoparse os andaluces con idénticos algarismos que os de Santiago.
