As boas perspectivas para a Semana Santa colocan a Galicia no liderado da recuperación turística

1 minutes read

Nesta Semana Santa, a comunidade galega prevé boa afluencia turística xa que as previsións de ocupación oscila entre o 60 e o 80%, con territorios que agardan acadar ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polas celebracións vencelladas á Semana Santa, e a Ribeira Sacra, a Costa da Morte e Ourense. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais.
O ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector, xa que están chegando uns 1.000 peregrinos diarios, e todo parece indicar que se poden acadar cifras prepandemia ou incluso mellores, cifras case históricas. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4.000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.

Estas boas perspectivas son un magnífico sinal para a temporada turística galega, animada polo Xacobeo e polas ganas de estar nun entorno non masificado, ao aire libre, en contacto coa natureza, e todo iso é o que ofrece Galicia: un destino seguro. Demostran que Galicia está de moda e que o Xacobeo fará historia, tal e como precisou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.