Feijóo comunica ao presidente do Parlamento de Galicia a súa renuncia; “A miña andaina remata aquí”

1 minutes read

Alberto Núñez Feijóo presentou este venres a súa renuncia ante o xefe do lexislativo galego, Miguel Santalices, case un mes despois de pasar a liderar o Partido Popular español. Feijóo acudiu ao encontro con Santalices “emocionado e tranquilo”, segundo dixo, para presentar a dimisión e iniciar o proceso para a súa remuda na presidencia da Xunta. “Se non te emocionas nestes momentos non te emocionas nunca”, engadiu.

A carta oficial que entregou remata cunha parte manuscrita na que Feijóo di: “Grazas, moitas grazas a todos os galegos por darme a honra de servir a terra nai. Non importa onde, Galicia sempre”, antes da súa sinatura.

Feijóo xa se despedía o mércores do Parlamento e onte tivo o último Consello da Xunta ordinario. Despois avanzaba como cre que será o novo goberno autonómico. Defende que non dependa de cotas territoriais.

Tras a dimisión de Feijóo, unha vez que se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Goberno da Xunta quedará en funcións, limitado a cuestións de trámite, ata que tome posesión o que será o seu sucesor, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda.

A próxima semana o presidente do Parlamento chamará a consultas os voceiros dos tres grupos parlamentarios e convocará o pleno para votar a sucesión antes de mediados de maio.