Galicia celebra o Día Mundial do Leite poñendo en valor a calidade do seu produto

2 minutes read

Galicia sumóuse este sábado á celebración do Día Mundial do Leite, instituído pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que se conmemorou por primeira vez no ano 2001. O obxectivo desta iniciativa é incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables beneficios para a saúde.

Nesta xornada, a Xunta quere poñer en valor que a nosa comunidade é unha das primeiras rexións europeas produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da UE. O pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, aproximadamente o 40% de España, consolidando a Galicia como líder indiscutible no ámbito nacional.

Un dos factores que inciden positivamente neste éxito é a aposta pola calidade que caracteriza o sector galego. Unha calidade que ten o seu sinal de identidade na marca Galega 100%, promovida pola Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, e que xestiona o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

Para afianzar este selo de calidade entre os consumidores, Medio Rural vén desenvolvendo unha intensa actividade de promoción. Só no que vai de ano, Galega 100% estivo presente en sete eventos diferentes relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do Forum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes 2019. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo na carreira pedestre de Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.

Como parte desta actividade, dende o mes de xaneiro pasado repartíronse unhas 30.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de venta e coñecer as garantías e o significado da marca. O espazo de promoción de Galega 100% é unha mini carpa que incorpora un mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de material. Así mesmo, conta con módulos expositivos para os briks de leite e paneis informativos sobre a marca de calidade.