Pedro Sánchez desenvolveu ante o empresariado catalán unha defensa das potencialidades económica de España no mercado global sumando esforzos e sinerxías.
“A política fiscal que nós fagamos será unha política fiscal aliñada cun obxectivo vital para o noso país, que é o crecemento económico. Polo tanto, crecer para redistribuir”, dixo Sánchez.
O presidente do Goberno en funcións evitou declaracións explícitas sobre a situación política e empresarial de Cataluña. Pero o seu discurso estivo sementado de alusións indirectas: “España, en definitiva, é unha democracia consolidada cun poderoso e exemplar Estado social e democrático de dereito, que soubo descentralizarse, que soubo compartir soberanía, que comprendeu que vivimos nun mundo no cal o que non podemos facer é erguer falsos muros ou fronteiras nun mundo cada vez máis globalizado”.
Sánchez centrou o seu discurso nunha axenda do cambio para os próximos catro anos, enfocada (segundo explicou) na economía sostible, no crecemento con xustiza social e na transparencia institucional.