Eliot Gómez Solla, gañador da Bolsa Yacarcross FGA

1 minutes read

Grazas ao convenio subscrito entre a FGA (Federación Galega de Automobilismo) e Yacarcross, o mozo de 18 anos de idade Eliot Gómez Solla conseguía ser o gañador da primeira edición da Bolsa Yacarcross FGA que se convoca esta tempada e que permitirá ao piloto de Salvaterra de Miño competir no Campionato de Galicia de Autocross cun Yacarcross na nova categoría Júnior.

O seu debut produciuse este sábado no circuíto do Castro, na primeira proba do certame e onde por primeira vez na historia se convocou a citada categoría Júnior Car Cros, que contou con sete pilotos rexistrados, un deles Eliot Gómez Solla e que foi o único participante sen experiencia previa como piloto e na modalidade de autocross, pero non así como copiloto pois debutou o pasado ano disputando dous ralis e un este ano.

A xornada no circuíto da Pastoriza comezaba cun curso teórico e práctico de condución impartido polos monitores de PTC Escola e Pro-Driver a todos os participantes (a idade estaba limitada aos nados entre o 17 de abril de 2003 e o 17 de abril de 2006). Tras a toma de tempos con coches de serie, os tres primeiros clasificados disputaron a final cun Yacarcross sendo o xa citado Eliot Gómez Solla o gañador por diante de Diego Grandal Gato e Iván García Pérez.