O Ministerio do Interior activou a Operación Verán 2022, que establece un dispositivo de reforzo de Policía Nacional e Garda Civil de 3.629 axentes nas comunidades autónomas de Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Comunidade Valenciana, Galicia, Illes Balears, Madrid e Murcia, que son as que reciben unha maior afluencia de visitantes na época estival.
Con carácter xeral, a Operación Verán comezará o próximo 1 de xullo e finalizará o 31 de agosto excepto na comunidade autónoma de Illes Balears, onde se estenderá ata o 30 setembro. En todo caso, a Secretaría de Estado de Seguridade poderá variar a duración e intensidade do reforzo policial naqueles territorios en que así o aconselle a evolución dos acontecementos.
O obxectivo é aumentar a seguridade cidadá nesas nove comunidades autónomas para favorecer a afluencia turística mediante un dispositivo que permite aumentar a vixilancia e control preventivo en vías de comunicación urbanas e interurbanas, estacións, portos, aeroportos, hoteis, praias e cámpings, así como con ocasión de calquera acontecemento que supoña unha gran concentración de persoas.