O Concello da Laracha alugará 4 autobuses para asistir á final da Copa da Coruña

1 minutes read
  • Serán xestionados directamente polo Laracha C.F. e o Club do Mar de Caión, que disputarán a final este venres

Por primeira vez en 84 edicións do torneo os dous finalistas da Copa da Coruña de fútbol serán equipos do termo municipal da Laracha: o Laracha C.F. e o Club do Mar de Caión. O encontro disputarase este venres a partir das 20:00 horas no estadio de Riazor.

Debido a este acontecemento tan especial, o goberno local fretará catro autobuses, dous por club, para transportar os seareiros ata A Coruña. Partirán o venres ás 18:30 horas desde as prazas do Concello e Eduardo Vila Fano de Caión. Serán xestionados directamente polos clubs, polo que as persoas interesadas deben reservar praza contactando co Laracha C.F. (teléfono 638778059) ou co Club do Mar de Caión (teléfono 696 495464).

As entradas terán un prezo de 5 euros, a excepción dos menores de 12 anos de idade, que terán acceso gratuíto. Poderán mercarse a partir do xoves contactando co persoal dos clubs ou ben o venres a partir das 18:00 horas nas taquillas do Palacio dos Deportes de Riazor.

O Laracha C.F. conta no seu palmarés con tres títulos de Copa da Coruña. O Club do Mar de Caión, que xogará por segunda vez a final deste torneo (quedou subcampión no 2016), aspira a lograr a primeira da súa historia.