- A formación destaca que a fragmentación «artificiosa» e as numerosas e graves afeccións directas á poboación xustifican o rexeitamento social ao proxecto que tramita a Xunta
A responsable local do BNG de Carballo, Inés Rodríguez Muíño, e o seu homólogo na Laracha, Xoán Sande Muñiz, rexistraron unha batería de alegacións contra o proxecto do parque eólico Monteagudo, que se atopa en fase de tramitación por parte da Xunta de Galicia e que afecta a ámbolos dous concellos e ao de Arteixo. Unha iniciativa que se suma tamén á proposta do equipo de goberno de Carballo.
En primeiro lugar alegan que a empresa promotora realiza unha fragmentación do seu proxecto eólico en varios proxectos independentes de forma «artificiosa, o que constituiría un fraude de lei, como veñen avalando sucesivas sentenzas xudiciais».
Ademais, para o BNG o proxecto deste parque supón unha «afección severa e prexuízos irreversibles» para as áreas de interese paisaxístico do Monte do Xalo, a Ribeira da Pena e o val fluvial do río Lourido; así como a itinerarios de carácter patrimonial, paisaxes, hostalaría e turismo e tamén ao sistema de brañas e zonas húmidas de todo o ámbito de influencia. «O parque eólico e a súa infraestrutura de evacuación fragmenta os hábitats, os ecosistemas e implica directamente a perda de biodiversidade», afirman os nacionalistas, destacando ademais que «o proxecto eólico engadido aos parques existentes transforma as paisaxes de mosaicos agro –forestais e de montaña nunha paisaxe inhóspita de marcado carácter industrial inzada de muíños e liñas de alta tensión».
Ambas asembleas nacionalistas sinalan que a presión industrial derivada dos sucesivos proxectos de parques eólicos resulta «excesiva» e ese impacto non é avaliado pola mercantil promotora, engandindo que «o proxecto debería ter en conta os impactos acumulados polos 32 proxectos previstos e en tramitación ao longo da costa e con afección directa sobre a Rede Natura 2000».
Por outra banda, o proxecto afecta de «maneira irreversible» a lugares identitarios para a poboación e as familias que viven e/ou traballan no ámbito xeográfico do parque e que resultan obviadas pola mercantil promotora, polo que desde o BNG consideran que o parque Monteagudo supón unha «vulneración flagrante da Lei de Montes de Galiza ao supoñer a eliminación da multifuncionalidade do monte».