- Prevé a instalación de catro aeroxeradores na capital de Bergantiños, situándose un deles a menos de 500 metros dunha vivenda e estando dentro do Plan de Ordenación do Litoral.
O Concello de Carballo rexistrou unha decena de alegacións ao proxecto do parque eólico Monteagudo que está a tramitar a Xunta de Galicia nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo e que prevé a instalación de 4 aeroxeradores na capital de Bergantiños, catro centros de transformación, unha subestación eléctrica e un edificio de control entre outros elementos.
Segundo o informe técnico elaborado polos servizos municipais, un dos aeroxeradores estaría dentro do Plan de Ordenación do Litoral (POL) e tamén se ubicaría a 497 metros dunha vivenda cando, por lei, a distancia mínima debe ser de 500 metros.
Así mesmo, o Concello pide que se teña en conta que os posibles usos do solo na área afectada quedarían vinculados ao parque eólico, «sen que se poida realizar sobre dita superficie ningún outro uso ou aproveitamento forestal», sinalan desde o goberno local. Ademais, no documento alúdese alude á instalación dunha torre meteorolóxica que, malia estar ligada ao proxecto e contar xa con licenza, non figura na documentación; e tamén se fai referencia ao impacto visual da instalación e á necesidade de incluír un plan de seguimento e control do parpadeo de sombras.
O Concello de Carballo tamén vén de emitir un informe sobre o proxecto do Parque Eólico Pedraqueimada que, a pesar de que se situará nos concellos de Arteixo e A Laracha, afectará á subestación eléctrica de Monteagudo.