Terceira vitoria da tempada para Javier Ramilo no Campionato de Galicia de Rallymix

1 minutes read

O municipio pontevedrés de Ribadumia celebraba esta pasada fin de semana, en dúas xornadas marcadas pola calor, a cuarta proba do Campionato de Galicia de Rallymix onde o piloto carballés, Javier Ramilo ‘Kobas’, lograba a terceira vitoria da tempada, aínda que esta vez o fixo sen ser o máis rápido en ningunha das cinco pasadas disputadas ao treito de 12 km proposto pola Escudería Desguaces Tino Racing, organizadora da proba.

Nunha carreira marcada por unhas durísimas condicións, con moito po en suspensión e unha especial onde era moi fácil cometer un erro, ‘Kobas’ soubo atopar o equilibrio para non fallar en ningunha delas, sendo o máis regular para adxudicarse un novo triunfo que lle consolida como líder provisional do certame.

Outros pilotos destacados con Yacarcross foron Cristóbal Serantes, cuarto clasificado, e situándose a continuación Antonio Viloria e Javier M. Carracedo, que marcaba o mellor crono na terceira pasada. Con todo, Abel Jurado ou Adrián Ameal, que tamén aspiraban a un bo resultado, víronse atrasados por diversas incidencias ao longo da fin de semana, aínda que o domingo Jurado realizaba o mellor crono na cuarta pasada.

Na categoría de Turismos, o equipo da Escudería Yacar Racing formado por José Fernández e ‘Fredy’ Carballo finalizaba segundo tras algunhas incidencias como unha leve saída, unha picada e a rotura dun latiguillo de freo no Volkswagen Polo GTI R5. Tampouco tiveron moita sorte Darío Calviño e Brais Mirón, con diversos problemas coa mecánica e a rotura dun soporte de amortiguador no Ferrari 360 Modena SCC que lles situaba finalmente cuartos entre os Turismos, aínda que vencían na Agrupación 5.