O protocolo elaborado polo Sergas tomou como base o que se realizara con anterioridade no servizo de urxencias da área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, sistematizándoo, adaptándoo a un formato común para todas as áreas sanitarias e estendéndoo tamén á atención primaria.
En concreto, o protocolo define as substancias máis habituais nos casos de submisión química e os indicadores de sospeita que deberá ter en conta o persoal sanitario tanto de atención primaria como de urxencias hospitalarias, indicando sempre a derivación a estas últimas no caso de sospeita. Dentro dos servizos de urxencias, o protocolo define os motivos de consulta que deben rexistrarse na historia clínica durante o proceso de triaxe e realiza recomendacións como a realización da anamnese (preguntas ao paciente) nun box pechado e da exploración física ante testemuñas tanto sanitarias como, se así o quixera a persoa afectada, de acompañantes súas.
Finalmente, o protocolo fixa as probas diagnósticas e toxicolóxicas a realizar ante este tipo de casos, tanto para detectar consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no presunto delito. Neste último caso, o documento indica os marcadores a realizar á hora da petición destas probas mediante o sistema de historia clínica electrónica e define os procedemento médico legal para, trala correspondente denuncia, recoller estas mostras e garantir unha cadea de custodia en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Por último, o protocolo establece a necesidade de estender un parte de lesións en todos os casos e marca unhas pautas de seguimento clínico posterior para, segundo as circunstancias do caso, proceder á profilaxe ante posibles infeccións ou á derivación a unidades de saúde mental ou de traballo social para apoio á vítima.