Este mes pechará a estratexia galega para a eliminación da hepatite C

2 minutes read

Así o anunciou en Comisión parlamentaria a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, quen avanzou que esta nova estratexia terá como obxectivo principal a redución da morbilidade e mortalidade asociada a esta enfermidade, así como a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública na comunidade, todo en liña co establecido pola Organización Mundial da Saúde.

Durán adiantou durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que a Estratexia Galega para a Eliminación da hepatite C en Galicia traballará sobre 3 liñas de actuación: o reforzo da vixilancia epidemiolóxica, que permita cuantificar a magnitude actual do problema, a prevención primaria con programas e actuacións de promoción da saúde, para reducir a incidencia e o risco de exposición ao virus, e unha terceira liña de prevención secundaria para detectar e tratar máis precozmente as infeccións existentes.

Á vista dos resultados de diferentes estudos, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade subliñou que a estratexia idónea para conseguir a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia, pasa polo cribado das persoas incluídas nos grupos con maior risco de transmisión, combinado co cribado dos grupos de idade de maior prevalencia deste virus. A estratexia contempla tamén a busca activa de pacientes para facilitar a diagnose e tratamento dos casos de infección non detectados, e de todos aqueles casos de hepatite C non tratados ou non curados, tal e como expuxo a directora xeral.

A Estratexia Galega para a eliminación da hepatite C en Galicia abordará así mesmo melloras no proceso asistencial, como a redución dos tempos entre a diagnose e o tratamento, a mellora das porcentaxes de pacientes diagnosticados que inician o tratamento e o cumpren, e o seguimento dos pacientes que están a tratamento para verificar a obtención da resposta viral sostida.