O Partido Popular da provincia da Coruña reuniu aos seus 36 alcaldes nunha cita que serviu como punto de partida dun inicio de curso político que ten marcado en vermello o domingo 28 de maio de 2023, data na que os cidadáns de Galicia están chamados á cita coas urnas municipais.
Durante a xornada de traballo, encabezada polo presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, polo líder dos populares coruñeses, Diego Calvo, polo secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e pola vicesecretaria territorial da formación, Ángeles Vázquez, os 36 rexedores tiveron a oportunidade de coordinar estratexias e poñer en común ideas de cara a afrontar coas maiores garantías posibles a cita electoral.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que os populares están ante unha “grande oportunidade” de demostrar a forza que o PP ten en todos os concellos en Galicia, tamén na provincia coruñesa.
O líder provincial Diego Calvo aproveitou para recalcar a “importancia” de traballar de maneira coordinada dentro do partido para conseguir incrementar o número de apoios e tamén de alcaldías que os populares teñen na provincia para, desta maneira, “incrementar a forza municipal coa que conta o partido na actualidade”.
“Imos preparar un equipo de 93 persoas que estou seguro de que nos darán moitas alegrías a finais do mes de maio. Persoas que necesitarán a axuda dos que agora sodes alcaldes para afrontar unha cita de vital importancia para a nosa formación co maior coñecemento de cada un dos concellos”, dixo.