Javier Ramilo ‘Kobas’ facíase coa segunda vitoria da tempada na categoría Car Cross na 15.ª edición do Autocross de Carballo, terceira cita do calendario autonómico de Autocross celebrada este pasado sábado 10 de setembro no circuíto municipal de Carballo. Aínda que nos adestramentos oficiais non puido pasar da terceira praza, mentres Darío Calviño era segundo, unha gran saída na semifinal leváballe a adxudicarse esta primeira manga, precisamente por diante de Darío Calviño. Na final repetiríanse as mesmas posicións, con ‘Kobas’ liderando a carreira desde o inicio e con Darío loitando con Maikel Vilariño, que lle adiantaba na derradeira curva pero que a posteriori sería sancionado polos comisarios deportivos. Tamén participaron na final Rubén Barreiro (4.º), Daniel Remuiñán (7.º), Esteban Trigo (8.º) e José Domíguez (9.º).
Na categoría Car Cross Júnior o representante de Yacar Racing era o piloto bolseiro pola FGA e por Yacarcross, Eliot Gómez, que nunha manga de adestramentos oficiais moi apertada cos cinco pilotos rodando no medio segundo tíñase que conformar coa quinta praza. O piloto de Salvaterra de Miño melloraba na semifinal sendo cuarto mentres na final, cando ocupaba prazas de podio, tiña un incidente con outro participante na terceira volta das oito previstas e non podía concluír a manga, ao quedar subido ao noiro.