A XXXIX Carreira Pedestre da Amaía terá lugar o 1 de outubro en Brión

2 minutes read

O Concello de Brión, en colaboración co Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, organiza a 39 edición da Carreira Pedestre da Amaia, que terá lugar o sábado 1 de outubro, a partir das 17:00 horas. Unha proba que deixa a un lado as restricións da pasada edición pero que mantén o cambio de emprazamento, polo que terá lugar na contorna do parque municipal de Pedrouzos e non na Carballeira de Santa Minia.

A carreira é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo e terá lugar baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. A maiores, este ano tamén será unha proba  puntuable para o VIII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. As inscricións poderán formalizarse ata as 14:00 horas do vindeiro 28 de setembro a través da web www.carreirasgalegas.com. Como nas pasadas edicións, os adultos deberán aboar 5 euros, mentres que os menores de 16 anos son de balde.

Máis de 1.800 euros en premios

A carreira repartirá mais de 1.800 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 250, 200 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.

As categorías pitufos, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16 terán lugar na contorna do Paseo de Pedrouzos, sobre unhas distancias que oscilan entre os 100 metros e os 2 quilómetros. A proba xeral dará dúas voltas a un circuíto de 5 km (98% asfalto e 2% terra en bo estado), completando un total de 9,5 km. A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 39 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todos os anos xusto despois da tradicional Romaría de Santa Minia.