As precisas limitacións pola situación derivada da crise sanitaria da covid-19 non impediron que medio milleiro de persoas pasasen, no curso 2021-2022, polas instalacións da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), onde hoxe se retoman as visitas guiadas.
En concreto, recibíronse a 557 persoas, das cales 338 foron escolares. Uns datos moi positivos se temos en conta as limitacións que foron relaxándose co paso do tempo, e que permitiron, no último tramo, recuperar a normalidade.
Cómpre indicar que as visitas ao 112 Galicia teñen como obxectivo mostrar as instalacións e a súa finalidade a grupos de idades e ámbitos profesionais ou formativos moi diversos.
A petición para realizar as visitas, que teñen lugar cada xoves, debe facerse a través da páxina web da Axencia Galega de Emerxencias con 30 días de antelación, mentres que o número de persoas deberá estar entre os 5 e os 15 compoñentes. Para grupos máis numerosos, poden organizarse subgrupos e quendas.
A visita, que dura aproximadamente 45 minutos, consta dun percorrido polas instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias e pola Base do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), ambos localizados dentro do recinto da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Partindo desta premisa, o persoal encargado de guiala personaliza os contidos ao máximo para cada grupo participante.
Así, dende os profesionais que buscan ampliar os seus coñecementos sobre a xestión das emerxencias ata os grupos escolares que establecen o seu primeiro contacto co centro atopan nas visitas un valioso recurso adaptado ás súas necesidades.