Caldas de Reis albergará unha planta de metanol renovable na que Iberdrola investirá 40 M€

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou a declaración como iniciativa empresarial prioritaria do proxecto de Iberdrola Clientes para impulsar unha planta de metanol renovable en Caldas de Reis (Pontevedra).  Unha iniciativa na que a compañía investirá arredor de 40 M€ na procura de reducir as importacións galegas de metanol, substituíndoas por unha produción local sostible, ao tempo que dinamiza o tecido industrial local e fomenta a xeración de riqueza e emprego. Ademais, impulsarase a creación de 55 empregos directos, o 46 % será emprego feminino.

“Trátase dunha noticia potente para Caldas de Reis e para toda Galicia”, valorou tras o Consello da Xunta o titular do Executivo galego, quen explicou que para acadar este obxectivo, o proxecto denominado ‘Green Umia’, ofrece “unha solución pioneira” que permitirá empregar o hidróxeno verde para, xunto co dióxido de carbono das caldeiras de biomasa, producir metanol verde, e reducir así a dependencia das importacións.

As previsións sitúanse na produción dunhas 2900 toneladas anuais, que, entre outros usos, serán empregadas para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos.

Neste sentido, cómpre destacar tamén que a iniciativa presta especial atención á economía circular, dispondo dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais reducindo a cantidade de auga bruta empregada no proceso industrial.