Comeza o xuízo polo accidente do Alvia en Angrois

1 minutes read

No banco dos acusados sentan o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o director de seguridade na circulación do Adif no momento dos feitos, Andrés Cortabitarte. Prevese que a vista dure polo menos cinco meses. Pero a complexidade do caso fai pensar que podería alongarse moito máis. A causa ten 44.460 folios e 669 testemuñas.

Todo disposto na Cidade da Cultura para acoller o xuízo polo accidente do Alvia, 9 anos despois do suceso no que faleceron 80 persoas e case 150 resultaron feridas de diversa consideración. En total, hai 446 persoas prexudicadas que reclaman. Están agrupadas en 154 acusacións, asistidas por 110 letrados e representadas por 47 procuradores, cun total de 93 partes que comparecen. Ademais, hai 53 prexudicados que non están representados por avogado e procurador, polo que a acusación exerceraa o Ministerio Fiscal.

Debido a cantidade de implicados e a gran cobertura por parte de medios de comunicación de todo o país, dende a Xunta habilitaron un edificio da Cidade da Cultura de Santiago para acoller todo o proceso. Nel, contaráse cunha sala de vistas, unha de prensa e outra adicional para que o público que non poida acceder presencialmente poida seguilo a través de pantallas.

A xuíza reservou os días 5, 6 e 7 para as cuestións previas e a declaración dos únicos acusados, o maquinista do tren accidentado, Francisco José Garzón; e o director de seguridade na circulación de ADIF no momento dos feitos, Andrés Cortabitarte. Con todo, dada a magnitude e complexidade do caso e a cantidade de intervintes é pouco probable que os acusados declaren este mércores.