Pedro Sánchez explicou que estas novas medidas serán aprobadas no próximo Consello de Ministros, repercutirán no 40% dos fogares españois e supoñerán unha mobilización de 3.000 millóns de euros adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado.
Por unha banda, reforzarase o Bono Social Eléctrico para beneficiar a 1,3 millóns de fogares, incrementando un 15% a cantidade de enerxía con dereito a desconto e aumentando a porcentaxe de desconto ata o 65% e 80% para vulnerables e vulnerables severos, respectivamente.
Tamén se creará temporalmente unha nova categoría de consumidores eléctricos con dereito a un desconto do 40% nas súas facturas, para os fogares traballadores con baixos ingresos. Con iso, chegarase a 1,5 millóns de fogares adicionais.
O Bono Social Térmico en 2022 e 2023 para os fogares vulnerables duplicará o orzamento en ambos os exercicios. Isto permitirá elevar o importe da axuda mínima a 40 euros (equivalente ao custo de dúas bombonas de butano) e duplicar o importe da axuda media ata os 375 euros por fogar aproximadamente.
Outra medida relevante dirixirase a controlar os gastos en calefacción e auga quente en 1,7 millóns de fogares que contan con caldeiras de gas comunitarias: estenderase a protección que xa outorgan as tarifas reguladas (TUR 1, 2 e 3) aos fogares que formen parte de comunidades de veciños con caldeiras centralizadas de gas natural, creando unha nova tarifa regulada para a que se limitará ata finais de 2023 o incremento trimestral de prezos. Ao redor de 1,7 millóns de fogares beneficiaranse dunha redución de máis da metade dos seus recibos respecto ao que pagarían no mercado coas ofertas actuais.