A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao director da Casa de Galicia, Juan Carlos Serrano, presentou a edición número 16ª da campaña “Outono Gastronómico” na casa de Galicia en Madrid, onde puxo en valor o éxito desta iniciativa grazas á que se da a coñecer a calidade da nosa gastronomía.
Nesta edición da campaña participan 73 casas rurais das catro provincias galegas, que ofertan ata o 18 de decembro, dous menús deseñados especificamente para a campaña, incluíndo na súa composición produtos galegos con certificación de calidade. Dos 73 establecementos participantes, 22 encóntranse na provincia da Coruña, 19 en Lugo, 17 en Ourense e 15 en Pontevedra.
Segundo explicou Nava Castro, esta edición mostra a relevancia que ten a campaña, tanto por parte dos locais colaboradores como do público que, ano a ano, participa nesta difusión da nosa oferta turística ao redor do ámbito rural.