A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, demandou ao Goberno do PP “a presentación dun recurso inmediato” ante a decisión da Unión Europea de prohibir a pesca de artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico noroccidental.
A deputada nacionalista advertiu dos efectos desta prohibición “que xa se están a notar, sobre todo nos barcos de pincho que operan no Gran Sol, aínda que esta norma está dirixida ós barcos de arrastre”. Así mesmo, puxo o foco na situación “moi grave” que esta decisión xera para unha frota xa afectada pola incerteza e pola crise económica.
Neste sentido, Pérez reclamou á Xunta que solicite ante a UE e ante o Goberno do Estado medidas que compensen economicamente aos armadores e ás tripulacións e criticou “a actitude dun presidente Rueda que non pisa Bruxelas para defender á xente do mar”. Recriminoulle, ademais, á bancada popular “que sexan tan bravucóns no Parlamento e non o sexan tanto para defender os intereses galegos”.
Para a deputada nacionalista un exemplo da inacción do Partido Popular é a negativa a presentar un recurso contra o veto da Comisión de Pesca e esixiu “a convocatoria inmediata do Consello Galego de Pesca e a presentación do recurso perante a Unión Europea, independentemente do que faga o Estado”.