O acto, contou coa participación de María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Yoya Neira, concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña; o Dr. Josep Santacreu, presidente de Fundación Integralia e CEO de DKV, Anxo Queiruga, presidente de COGAMI e Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Tamén participaron no evento Cristina González, directora da Fundación Integralia, e Miguel García, director de Comunicación e Negocio Responsable de DKV.
As persoas galardoadas
Antonio Rodríguez Sotillos, xefe da Unidade de Lesionados Medulares do Chuac (Hospital Universitario da Coruña), recibiu da man de Josep Santacreu unha distinción especial polo seu compromiso coa saúde e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade de Galicia.
Yoya Neira, concelleira de Benestar, Igualdade e Participación do Concello da Coruña entregou o galardón á Traxectoria á Diversidade Profesional a Iago Pérez Santalla, doutor en Humanidades e Servizos Culturais, educador social, escritor e coach lucense, autor da teoría do «Ilímite» que sostén que calquera persoa “non ten máis límites que os que ela establece”.
Anxo Queiruga, presidente de COGAMI entregou o premio de Familia con Tesón á familia Rey Pérez. Milagros Rey agradece á organización este recoñecemento e confesa que o secreto do seu tesón foi saber reconducir a rabia. Esta enerxía é a que lle deu forzas para non deixar de reivindicar e así romper todas as barreiras que se atopou.
Yoya Neira, concelleira da Alcaldía da Coruña outorgou o premio ao Centro Especial de Emprego a Aixiña, un centro especial de emprego de Ourense no que traballan diferentes áreas como atención a persoas, centro de día e residencia, taller de estores, un taller de perchas, outro de artesanía e gravado de trofeos e un de restauración. “Desde 1991, en Aixiña sábese que un traballo digno é necesario. Por iso as 97 persoas con discapacidade que forman parte do persoal queren agradecer que hoxe podamos estar aquí e este Recoñecemento porque fai visible o noso traballo.” apunta Olga Cuiña, presidenta de Aixiña.
Juan Manuel Veites, presidente de CEG, deu o premio na categoría empresa responsable a Arnoia Distribución de Libros e Miguel García Patrón da Fundación Integralia á Traxectoria á Diversidade Profesional a Vitoria González Vázquez, quen agradeceu á organización e á súa familia o apoio recibido e fai un chamamento “é verdade que a inclusión laboral é moi importante pero non nos podemos esquecer tamén da inclusión no lecer e o deporte.”
Recoñecemento á Familia con Tesón recaeu en Juan Manuel Mata. Anxo Queiruga presidente de COGAMI premiou a Juan Manuel Mata; Carlos López Cachaza, director das sucursais da Coruña e Lugo de DKV, entregou o recoñecemento á Categoría de Centro Especial de Emprego ao CEE Emprego Social e José Manuel Maceira, secretario xeral adxunto de CEG, entregou o oitavo recoñecemento na categoría empresa a Contemar Servizos Ambientais.
Os novenos e décimos recoñecementos á Administración con Alma foron entregados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC), e ao Instituto Valedor do Pobo.