Ponte…nas Ondas! Supera o último trámite para entrar no Rexistro de Boas Prácticas da Unesco

1 minutes read

Ponte… nas Ondas!, a candidatura conxunta da Galicia e Portugal que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco, vén de superar o último trámite necesario previo á súa inscrición. O órgano de avaliación acaba de emitir informe favorable, polo que recomenda que a proposta sexa inscrita, algo que se decidirá no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro.

En total, catro candidaturas de todo o mundo aspiran a obter este recoñecemento. Para Galicia sería a primeira distinción nesta materia. No informe, que xa está a ser analizado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, os examinadores felicitan aos responsables “por un arquivo ben preparado que destaca a participación”. O propio conselleiro Román Rodríguez participou hai uns días nun acto en Santiago onde transmitiu o seu apoio á candidatura, presentada en marzo de 2021 coa mediación da Xunta. 

Ponte… nas Ondas (PNO!) naceu hai máis de 25 anos nas escolas de Salvaterra de Miño e Monção e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo “é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas”, indica o informe.