Declaradas de utilidade pública e de interese social tres novas aldeas galegas

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública e de interese social as aldeas modelo de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames. Trátase da segunda serie de aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lles aplica esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.

Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 57 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case un milleiro parcelas implicadas de preto de 200 propietarios. En concreto, a aldea modelo de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten unha superficie de 33,50 ha, distribuídas en 99 predios de 46 titulares catastrais. Canto á de Cortegazas, en Avión, abrangue 15,11 hectáreas, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. Por último, a de Ferreiros, en Ames, conta con 8,55 ha, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares.

Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.