As chuvias, que chegaron aos 225 litros por metro cadrado no interior de Castelló, converteron as estradas en ríos. Nesta provincia, os bombeiros e a Garda Civil tiveron que rescatar vinte persoas que quedaran atrapadas pola enchente nos seus coches, entre eles varios menores.
Outra das zonas máis afectadas foi a área metropolitana de Valencia, onde varias persoas foron rescatadas das súas casas. Na localidade de Quart de Poblet auxiliaron en helicóptero dez traballadores de dúas empresas do polígono industrial, que quedaron illados polas inundacións. Un raio interrompeu temporalmente o tráfico aéreo no aeroporto de Manises, onde se cancelaron 28 voos e outros 10 tiveron que ser desviados.
Tamén houbo cortes no metro e nos trens de proximidade. Na provincia de Valencia a situación mellorou. No interior e no sur da provincia de Castelló mantívose a alerta laranxa por chuvias e treboadas intensas ata as dez da noite deste sábado.