A tempada de pesca fluvial de 2023 en Galicia será do 19 de marzo ao 31 de xullo

1 minutes read

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 19 de marzo de 2023 e prolongarase ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro. No caso dos coutos con convenio a tempada prolongarase, con carácter xeral, ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte.

No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade desde o 1 de maio ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie serán similares ás da tempada 2022 nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña) establécese en cinco exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 8 salmóns.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra fixouse unha cota de 30 exemplares no caso do río Ulla mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos. Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.