Trátase dunha das actuacións que levará a cabo a Xunta, por case 350 mil euros, para reducir o risco de asolagamento no río Anllóns ao seu paso polo municipio carballés, deseñadas todas elas por Augas de Galicia no marco do Plan de xestión específico do risco de inundacións para esta área, declarada de risco potencial significativo.
Este contrato, adxudicado á empresa Prace Servicios y Obras, S.A., conta cun prazo de execución de 3 meses e ten como obxectivo a construción de motas de protección fronte ás avenidas na contorna do parque San Martiño.
As obras obxecto deste contrato inclúen actuacións en tres zonas diferenciadas: a primeira, augas abaixo da ponte da rúa Sol; a segunda, no propio parque de San Martiño, bordeando a rúa San Ramón e terminando na ponte da rúa Iglesia; e a terceira, entre o parque de San Martiño -ponte da rúa Iglesia- e a ponte da rúa Fomento.