Os fogares de máis de 10.000 persoas maiores con dependencia contan xa con teleasistencia

1 minutes read

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou este martes o novo impulso que a Xunta está a dar á Teleasistencia para superar os 10.000 maiores con dependencia que teñen apoios tecnolóxicos nas súas casas. Díxoo nas Xornadas estatais de servizos tecnolóxicos dixitais organizadas por Cruz Vermella e que se desenvolven ata o próximo xoves día 1 no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).

Antón Acevedo destacou o traballo conxunto coa Cruz Vermella para impulsar a Teleasistencia, que permite aos maiores recibir a atención que necesitan nos seus domicilios con tan só presionar un botón. Ao respecto, explicou que nos orzamentos do próximo ano os fondos para este servizo soben un 55 %, ata conseguir os 11,5 millóns de euros. Isto poñen de manifesto, engadiu, a vontade do Executivo autonómico de aproveitar as vantaxes que ofrecen os avances técnicos para mellorar a atención aos maiores, tal e como se recolle no novo modelo de coidados de Galicia.

Así mesmo, o director xeral apuntou que “destinaremos máis diñeiro que nunca a maiores para que vivan onde vivan poidan pasar esta etapa de acordo ás súas preferencias e necesidades”. Con este fin, o Goberno galego está a redobrar a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lles permitan ás persoas de máis idade ver cumprido o seu desexo de envellecer na súa contorna.