Esta décimo cuarta edición do programa Parlamento Xove ten como principal novidade que se abre á participación de alumnado de calquera módulo ou ciclo de Formación Profesional. Polo tanto, esta nova categoría súmase ás de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bachalerato e Universidade. A pregunta a debate será: ‘Está preparado o Estado do Benestar para afrontar os desafíos do envellecemento da poboación?’.
Os equipos que desexen participar teñen de prazo ata o vindeiro 17 de xaneiro para enviar o formulario que está colgado na páxina web de Xuventude. Abrirase, con posterioridade, un novo prazo de confirmación de inscrición. Nesta páxina tamén atoparán información detallada do programa e os calendarios das diferentes fases clasificatorias.
Os equipos terán que defender unha posición, ben a favor ou ben en contra dun tema de actualidade que se comunicará nas videiras datas. A dificultade está en que soamente cinco minutos antes de cada debate procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo.
O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita e oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais, e o respecto polas ideas dos demais.