A asociación de consumidores Facua denunciou ante a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a oito cadeas de distribución por non repercutir a rebaixa do IVE a todos os alimentos afectados pola medida que o Goberno aprobou a pasada semana para frear a subida desorbitada dos prezos.
Trátase da primeira fase da campaña de seguimento de prezos que puxo en marcha Facua e que continuará desenvolvendo durante os próximos meses. Neste sentido, lembra que os establecementos non poden subir os prezos dos alimentos afectados pola baixada do IVE polo menos ata que finalice abril.
Na maior parte dos casos, as irregularidades detectadas por Facua consisten en cobrar aos consumidores o mesmo importe que antes da baixada do IVE, «co que a totalidade da mesma estaríase destinando a un aumento da marxe de beneficio do establecemento», denuncian. Tamén hai produtos nos que o prezo de venda ao público é mesmo superior ao dos días previos á entrada en vigor da medida.