A Xunta de Galicia premiará os mellores traballos rematados entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022 a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional dun arquitecto e dun aparellador ou arquitecto técnico destacados.
O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a convocatoria destes galardóns por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) na que será a súa cuarta edición, despois das tres primeiras realizadas nos anos 2016, 2018 e 2020.
O obxectivo destes premios é contribuír a impulsar a excelencia da arquitectura e da rehabilitación galegas recoñecendo a calidade das edificacións rematadas entre 2020 e 2022, tanto de obra nova como de rehabilitación. Destacan os premios especiais de sustentabilidade, co que se busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente en consonancia cos programas europeos, e o reservado á traxectoria profesional, un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.
Nesta edición e como novidade, o premio á traxectoria profesional terá dúas categorías, dotadas con 6.000 euros en cada caso. Como en edicións anteriores, unha delas servirá para premiar a un arquitecto, e a outra, a un aparellador ou arquitecto técnico.
Poden optar a estes premios os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre 2020 e 2022 dentro do territorio de Galicia e cuxos autores sexan arquitectos. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.