O BNG de Vigo esixe que se actúe fronte as verteduras de augas fecais sen depurar á ría

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno municipal que actúe e aclare as causas das verteduras de augas fecais sen depurar á ría de Vigo rexistradas desde hai máis dunha semana. A fronte nacionalista vén de solicitar información, mediante un escrito ao alcalde, sobre as actuacións realizadas polo Concello após as denuncias da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, que apuntan a vertidos en diferentes puntos da cidade desde a propia rede municipal de saneamento, con especial incidencia en Bouzas.

“É unha situación reiterada que supón un clarísimo incumprimento da normativa ambiental e tamén das obrigas do Concello de Vigo e de Aqualia na xestión do saneamento da nosa cidade”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que vén de demandar ademais acceso ao expediente e á documentación municipal sobre estes feitos.

O candidato nacionalista acusou ao goberno de Abel Caballero de non “facer absolutamente nada” diante do que cualificou como unha “inxustificada agresión ambiental contra un ecosistema privilexiado como a ría de Vigo”. Nese sentido, demandou que as concellarías de Medio Ambiente e Fomento, como principais responsábeis, informen de maneira detallada das medidas tomadas por estas verteduras “ilegais e intolerábeis”, detectadas o pasado 3 de xaneiro no recheo de Bouzas e nas perpendiculares da rúa Colón, rúa Coruña e Alcabre.