Licitada a restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño de Ourense

1 minutes read

A Xunta de Galicia licitou as obras de restauración do ciborio e fachada sur da catedral de San Martiño en Ourense. Trátase dunha actuación incluída no Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 dotada con case 600.000€ dirixida a garantir a protección e conservación deste Ben de Interese Cultural e que eleva o compromiso da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con este monumento, no que investiu preto de 2,7 millóns de euros desde o ano 2015 e no que ten actualmente obras en marcha.

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración aproximada de cinco meses e permitirán, entre outros aspectos, mellorar as condicións de conservación da fachada e eliminar as filtracións de auga que afectan á zona do ciborio e que están a provocar problemas de arenización na pedra e aumento da presencia de sales. Ademais, tamén se mellorará o sistema de evacuación de augas pluviais e de ventilación e se solucionarán os problemas de estanquidade nas fábricas.