A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur, ofrece este ano ás empresas galegas ou a aquelas que queiran asentarse na Comunidade preto de 900.000 m2 de solo urbanizado a prezos bonificados nun 30% ou nun 50%. Unha superficie distribuída en 380 parcelas de 37 parques empresariais localizados nas catro provincias.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un proxecto de acordo ao Consello da Xunta no que avanza que, no caso de venderse a totalidade da superficie ofertada, as empresas interesadas poderían beneficiarse de descontos sobre o prezo das parcelas estimados en máis de 34,8 millóns de euros.
Así mesmo, a Xunta tamén ofrece a posibilidade de acceder a solo a través doutras tres modalidades: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pago dun canon reducido (que oscila entre os 0,75 euros por m2 e ano e os 3,12 euros por m2 e ano); arrendamento; ou compravenda con pago aprazado ata en 8 anos.
En concreto, o vindeiro luns, 13 de febreiro, Xestur convocará un novo concurso para a adquisición de 517.720,12 m2 de solo empresarial, repartidos entre 215 parcelas de 18 polígonos. A esta superficie hai que engadir a previsión de convocar, ao longo deste ano 2023, o concurso de venda de máis de 86.500 m2 en desenvolvemento en Xinzo de Limia. O solo empresarial dispoñible en Galicia complétase tamén coa superficie propiedade do IGVS, que ofrece 288.686,96 m2 para a venda, distribuídos en 142 parcelas de 18 parques.
Da superficie total que estará dispoñible este ano nos polígonos da Xunta, as maiores bolsas de solo se localizan nos parques de Morás, en Arteixo, con 119.000 m2; A Reigosa, en Ponte Caldelas, no que se ofertarán 112.000 m2; ou o xa citado de Xinzo de Limia.