Actívanse os cambios provisionais no tráfico na avenida de Montecelo, en Pontevedra, para seguir avanzando nas obras de execución do novo Hospital Público Montecelo.
Este mes comezan os traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos á dársena de mantemento e servizos do novo hospital. Este acceso realizarase mediante unha vía situada a unha cota máis baixa respecto á avenida de Montecelo, que se verá afectada pola execución dun muro de sostemento.
A intervención obrigará a restrinxir o tráfico a un só carril de circulación na avenida Montecelo desde a rotonda do Príncipe Felipe cara ao actual hospital, e afectará a todo o tramo ata o encontro coa baixada de vehículos que dan acceso á entrada do actual complexo.
Dada a incidencia que terán os traballos na mobilidade circulatoria da zona, representantes e técnicos da Xunta, do Concello e do hospital mantiveron varias reunións para coordinar e reducir ao máximo as afeccións das obras.
As medidas no tráfico incidirán de modo especial nos accesos ao hospital actual, dando prioridade e favorecendo o acceso de ambulancias e vehículos de servizos, así como o mantemento das liñas de autobuses.
Deste xeito, a liña circular de transporte urbano: praza Galicia-Montecelo-Monteporreiro, que se presta a través das concesións de transporte público xestionadas pola Xunta, modificará o seu percorrido desde o Hospital Montecelo ata a praza de Galicia, que se realizará pola avenida de Lugo.
Mentres se avanza nesta fase das obras do novo Hospital Público Montecelo este cambio, que foi abordado e consensuado co Concello de Pontevedra, afectará a 3 paradas desta liña, que son as de CEE Pontevedra, Moldes e San Amaro.