Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves o Concello da Laracha acordou concorrer a programas convocados por outras administracións co propósito de fomentar o emprego por medio da contratación de persoal para a prestación de servizos municipais de interese xeral.
Por unha parte está o programa Aprol Rural -convocado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia- a través do que o Concello pretende formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes que serían contratadas por un período de nove meses.
O Concello tamén concorre ao programa de emprego local (PEL Concellos) -impulsado pola Deputación da Coruña-, neste caso coa intención de contratar persoal para a realización de obras e servizos municipais como instalación de sinalización viaria, reparación de beirarrúas e sumidoiros, mantemento de espazos públicos, apoio loxístico aos servizos municipais, etc. Neste caso o período de contratación sería de cinco meses e os beneficiarios, persoas que se atopen en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego e que estean incluídas nalgunha situación de exclusión laboral.
Á Deputación da Coruña tamén se lle solicita a colaboración para a contratación dun técnico de turismo.