O BNG reclama que se deixe de subvencionar unha atención sanitaria ‘de segunda’ en Povisa-Vigo

1 minutes read

A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de consentir que haxa menos persoal e recursos que na rede pública para as 130 mil persoas adscritas a este centro, ademais de vulneracións co seu persoal que desembocaron no actual conflito laboral.

“A Xunta non pode seguir eludindo as súas responsabilidades, todo o que acontece neste centro sanitario ten que ser fiscalizado polo Sergas”, demandou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para solicitar que se actúe de inmediato para garantir as condicións laborais e a calidade sanitaria neste hospital privado, pero que recibe cada ano máis de 80 millóns de euros de diñeiro publico e cuxa facturación depende nun 80% do concerto singular co Sergas.