O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou a estabilidade política, a solvencia financeira e a situación xeográfica estratéxica de Galicia como as mellores credenciais para que empresarios doutros países aposten por desenvolver os seus negocios na comunidade galega. Rueda mantivo un encontro con empresarios mexicanos, galegos e españois, aos que animou a reforzar as alianzas económicas e comerciais con Galicia.
Durante a súa intervención, lembrou a gran contribución dos galegos que emigraron a México para enriquecer e fortalecer o tecido empresarial mexicano e destacou as excelentes relacións comerciais que Galicia mantén desde hai anos con este país de América Central. Nesta liña, o presidente autonómico resaltou que México é “un socio preferente” da comunidade galega a nivel de comercio internacional xa que encabeza o ránking de importacións e exportacións fóra da Unión Europea.
O titular do Goberno galego cree que afianzar estas relacións económicas e comerciais servirá para impulsar o crecemento tanto de Galicia coma de México. Por iso, trasladou aos empresarios a gran oportunidade que supón investir na comunidade galega xa que Galicia está nunha excelente posición para afrontar os retos económicos dos vindeiros anos e ofrece grandes posibilidades ás empresas que apostan por esta terra.