O piloto carballés, Javier Ramilo, vixente campión galego da categoría Car Cross, comezaba a tempada da mesma forma que o ano pasado, vencendo no circuíto do Castro en Taragoña, no municipio coruñés de Rianxo, onde arrincou o Campionato de Galicia de Autocross na xornada do sábado 29 de abril na cal a choiva respectou do desenvolvemento da competición, aparecendo só de forma puntual pola mañá e obrigando a pospoñer os adestramentos oficiais para primeira hora da tarde no que respecta á Clase 3 correspondente aos Car Cross.
Os Yacarcross copaban a metade da grella na devandita categoría que contaba con 16 monoprazas, aínda que Iván Muñiz non podería saír aos adestramentos oficiais nos cales, a pesar dun problema mecánico ao comezo dos mesmos e que sería liquidado rapidamente, Darío Calviño lograba o mellor crono por diante de Javier Ramilo ‘Kobas’.
Este ano modificouse a dinámica de cada proba, realizando antes da final dúas mangas clasificatorias en lugar da habitual semifinal polo que, xunto aos adestramentos libres que son obrigatorios a pesar de que xa viñan realizando, o piloto sae máis veces a pista. ‘Kobas’ garantíase elixir a mellor posición para a final ao gañar as súas dúas series clasificatorias, aínda que o resto de pilotos dos Yacarcross non terían tanta sorte sendo o mellor do resto Rubén Barreiro, que sumaba dous cuartos postos.
Na final, Javier Ramilo ‘Kobas’ facía unha magnífica saída e colocábase en primeira posición desde a primeira curva, nun trazado onde é sumamente compricado adiantar, o que practicamente lle garantía a vitoria como así se confirmaba tras completar as oito voltas previstas. O seguinte clasificado dos Yacarcross era Rubén Barreiro, que finalizaba quinto, con Darío Calviño situándose oitavo, Adrián Andrés noveno, José Domínguez undécimo e Javier Senín décimo terceiro.
A próxima cita do equipo Yacar Racing será a próxima fin de semana en Esplús (Huesca), onde se inicia o Campionato de España de Autocross.