O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar o seu programa aberto con 629 propostas concretas para trazar un novo rumbo na cidade de cara ás eleccións municipais do 28 de maio. A fronte nacionalista suma na súa alternativa “en positivo” achegas e ideas recollidas durante máis de 50 encontros con diferentes colectivos e no que participaron varios centos de persoas e dun proceso participativo en redes sociais.
“Elaboramos o noso programa a pé de rúa, barrio a barrio e parroquia a parroquia, tratando directamente co tecido asociativo, para ofrecer unha proposta política ambiciosa pero, sobre todo, solvente e rigorosa que coñece en detalle as necesidades reais da cidade”, explicou o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que avanzou que o documento segue aberto até as eleccións para seguir incorporando ideas durante os encontros que van desenvolver as nacionalistas nos vindeiros días.