O BNG pide unha inspección urxente tras o desaloxo dun inmóbel por risco de derruba en Vigo

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide unha inspección urbanística urxente na rúa Serafín Avendaño, logo do desaloxo dun inmóbel este mércores por risco de derruba. Así, a fronte nacionalista reclama que a Xerencia Municipal de Urbanismo actúe para garantir a seguridade da vivenda afectada e das lindeiras.

“Existe unha evidente preocupación por parte da veciñanza de Serafín Avendaño e por iso entendemos que é imprescindíbel acometer unha revisión a fondo tanto do inmóbel desaloxado como do resto de vivendas”, demandou o concelleiro e futuro portavoz do grupo municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O edil nacionalista esixiu ademais que Urbanismo informe “en detalle” se coñecía a situación do inmóbel do número 5, que sofre desprendementos e fendas na fachada, e que a propia veciñanza leva denunciando máis dun ano. “A concelleira María José Caride ten que aclarar se tiña coñecemento da situación e que actuacións se levaron a termo dende ese momento”, concluía Igrexas.