O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu en Baiona a necesidade de rebaixar o IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e valorizar o labor esencial do sector pesqueiro como subministrador de alimentos de calidade á cidadanía. Nesta liña, sinalou que esta medida contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias -especialmente as de aquelas con baixos ingresos- e a mellorar as previsións de crecemento económico.
Así o expuxo na inauguración do 23 Congreso Aecoc de produtos do mar, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta. Alí o titular de Mar tamén lembrou que Galicia leva anos solicitando ao Goberno central a redución do IVE dos produtos do mar do 10 ao 4 % para igualar o tipo fiscal ao doutros países da UE.