Manuel Facal Ponte celebrou os 80 anos este 20 de xullo, o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, entregoulle unha reprodución do cartel que deseñara o artista carballés máis internacional para o I Concurso de adquisición de pintura galega convocado polo Concello no ano 1987 e fallado no 1988. Evencio Ferrero lembrou que naquel momento presidía a comisión de Cultura, e lanzou un convite á actual concelleira da área, Maruxa Suárez, para recuperar o certame.
A foto de familia puido facerse diante dunha obra de Antón Mouzo que ocupa un lugar destacado na Alcaldía e que fora premiada naquela primeira e única edición do certame, no que tamén resultaran gañadores Berta Cáccamo, Álvaro González de la Vega e Cruz Pérez Rubido. Un agasallo, polo tanto, que, como sinalou o alcalde, expresa “ou agarimo e o valor sentimental” e que serve de recoñecemento a un artista recoñecido internacionalmente, como é Manuel Facal.
Ademais de Maruxa Suárez, no acto celebrado este xoves tamén participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; familiares de Manuel Facal e amigos como o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Aínda que é un home de poucas palabras, o artista expresou o seu agradecemento e a “satisfacción polo interese amosado polo Concello cara a miña obra e a miña persoa”, concluíu.