Entregados 33 novos vehículos a axentes ambientais

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, entregou 33 vehículos todoterreo a axentes ambientais da Consellería, para seren empregados na prevención e extinción de incendios, así como na xestión forestal sustentable. Neste acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, o conselleiro destacou que esta entrega é unha mostra máis do compromiso do Goberno a prol da dotación de medios do seu persoal, co fin último de mellorar o servizo que se presta aos cidadáns, neste caso no eido forestal.  

Esta entrega súmase ás realizadas en novembro de 2022 e xaneiro deste mesmo ano, nas que se distribuíron 117 vehículos. Tamén se suma á correspondente subministración mediante arrendamento de 137 vehículos todoterreo tipo pick up  para as brigadas forestais nos últimos anos. Estes 33 vehículos están financiados ao cen por cento con fondos REACT-UE, habilitados pola Unión Europea como resposta á pandemia e enmárcanse no Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.