O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica

1 minutes read

O BNG propuxo a Carme da Silva como senadora por designación autonómica en tanto que lle corresponde en función do resultado das eleccións galegas de 2020, nas que o Bloque se converteu na segunda forza con 19 escanos no Parlamento. A elección efectuarase no pleno extraordinario do Parlamento de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres. Destacan desde a formación nacionalista o currículo de Da Silva, que ten unha “dilatada experiencia política e tamén parlamentaria”. Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva Nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio.

Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón busca apostar por unha muller de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión, “unha voz forte e solvente para visualizar Galicia tamén na Cámara Alta”, sinala o BNG. A que será designada senadora no Pleno desta semana, agradeceu ao BNG a confianza para asumir esta responsabilidade como senadora autonómica e que asume “co máximo compromiso e coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado”.