Conclúe o trámite ambiental do proxecto da terminal de autobuses da intermodal de Lugo

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que se fai público o devandito informe. Logo de realizar unha avaliación ambiental simplificada da iniciativa, o órgano ambiental conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o medio ambiente pola construción da nova terminal de autobuses e, polo tanto, tampouco se considera necesario sometela a avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

Deste xeito, serán agora o órgano promotor do proxecto (a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade) e o substantivo con competencias para autorizalo (a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo) os que deberán continuar coa tramitación necesaria para poder levar a cabo a nova infraestrutura. 

Cómpre lembrar que este proxecto ten por obxecto a construción dunha nova terminal de autobuses na cidade, que se localizará ao carón da actual estación de tren. O informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático pon fin á tramitación ambiental que se iniciou o pasado mes de marzo e permitirá seguir avanzando na execución da futura intermodal lucense. 

A estación intermodal de Lugo é un proxecto conxunto entre a Xunta, Adif e o Concello de Lugo que suporá un investimento global de 49,2 M€.